Up2Maps
Acabo de descubrir este servizo de creación de mapas temáticos a partir de datos estatísticos. Poden consultarse mapas do mundo ou dunha rexión determinada segundo varias categorías: demografía, educación, economía, linguaxe, relixión, ciencia e tecnoloxía…
A páxina ten un buscador que busca nas etiquetas que colocaron os creadores dos mapas. Ademais fai listados dos últimos engadidos, os máis vistos e os máis votados.
Para probar como funciona rexistreime e creei un mapa representando ao alumnado por ordenador en centros públicos de educación primaria no ano 2007 segundo datos que saquei do Instituto Nacional de Estatística. É moi sinxelo: créase unha folla de cálculo cos nomes das provincias ou comunidades autónomas e os datos correspondentes a cada unha, na páxina selecciónase o país no que traballamos e pulsamos no seu nome (enriba do mapa). Un asistente vainos indicando o que temos que facer en cada paso: elixir se imos escribir os datos ou subir a folla de cálculo, indicar en qué columna da folla están os nomes, en cal os datos e corrixir datos se hai algún problema cos nomes dos sitios.
Cando o mapa xa está creado podemos cambiar parámetros como o número de intervalos de datos e elixir se no mapa van aparecer os nomes das comunidades, etc.
¡Vou seguir practicando!